Wednesday 15 de May de 2024

Lousame acollerá o 21 de agosto o I Torneo de Fútbol a favor da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva


Participarán nesta competición solidaria, na que colabora o Concello, o Outes F.C., o Lesende C.F., o Mazaricos C.F. e a U.D. Bastavales

O Concello de Lousame acollerá o domingo 21 de agosto a primeira edición do Torneo de Fútbol a favor da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH). Nesta competición solidaria, que conta con colaboración municipal, participarán o Outes F.C., o Lesende C.F., o Mazaricos C.F., e a U.D. Bastavales.

O evento foi presentado este mediodía nun acto no que participaron a concelleira de Mocidade de Lousame, María Regenjo; o técnico municipal de Cultura, Eduardo Agraso; o adestrador do Outes F.C., Manu Roque; o adestrador do Lesende C.F., Alberto Albán; o adestrador do Mazaricos C.F., Néstor Romero; e o adestrador da U.D. Bastavales, Alberto Fernández ‘Pika’.

A responsable municipal de Mocidade amosou o seu agradecemento ás entidades deportivas que participarán e animou á veciñanza a acudir ao torneo: “queremos que sexa o primeiro de moitos, porque a sensibilización sobre as enfermidades raras é algo no que todos e todas temos que colaborar”, manifestou Regenjo.

Pola súa parte, os adestradores dos distintos equipos amosáronse satisfeitos coa invitación para o torneo e con poder colaborar na causa solidaria. Aínda que non se trata dunha competición oficial, todos comprometeron o seu mellor nivel de xogo para que os espectadores poidan gozar dunha gran tarde de fútbol. Concodaron ademais en que o mundo do deporte non pode permanecer alleo á sociedade e debe ter a solidariedade como un dos seus valores esenciais.

Torneo cuadrangular
O torneo, que se disputará no campo de fútbol de Cabanetán, en Lesende, ten un formato cuadrangular. Segundo o sorteo que se celebrou hoxe mesmo, na primeira semifinal (16:30 horas) enfrontaranse o Bastavales e o Mazaricos. Na segunda, a partir das 17:30 horas, mediranse o Lesende e o Outes. Os equipos perdedores dos dous encontros xogarán polo terceiro posto ás 18:30 horas. A final disputarase ás 19:30 horas e a entrega de recordos coa que rematará o torneo será a partir das 20:30 horas.

Os resultados da competición poderán seguirse en tempo real a través da páxina web da ASGPOH (www.asgpoh.com) e tamén no seu espazo na rede social facebook (https://www.facebook.com/ASGPOH2016).

Enfermidade ultra-rara
A Heteroplasia Ósea Progresiva está considerada unha enfermidade ultra-rara, progresiva, dexenerativa e invalidante. En toda España, só están diagnosticados dous casos, e no mundo constan un total de 62. O seu estudo viña desenvonvéndose ata hai pouco en Estados Unidos, pero os recortes en investigación paralizaron esta tarefa. Desde hai un tempo, é un equipo do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela (CHUS), liderado polo doutor Martinón, o que destaca por avanzar nas investigacións sobre esta doenza.

A ASGPOH, con sede en Lousame, centra a súa actividade en informar sobre a existencia da enfermidade e sensibilizar a sociedade, ademais de servir de apoio para as familias nas que exista algún caso. A tal efecto, organiza diversas actividades no marco das enfermidades raras e minoritarias, desde o convencemento de que “é imprescindible o seu coñecemento para conseguir vivir nunha sociedade mellor”.